miércoles, 7 de julio de 2010

Camisetas e estadios



Hai uns anos fun pedir umha camiseta do Céltiga, para Manu Chao que tocaba polos arredores, e dixeran-me os da directiva que as tinhan contadas, que non podían… despois aínda dixeran “Manuchao... Se aínda fora Chenoa…!”.

Os balóns do clube tamén están moi xustos, claro, tendo en conta que o campo está na beira do mar, tamén se entende. E é que hai que mirar polo de un. Cando fora xogar un torneo amistoso alevín -ou como fose o nome daquela- de basket a Vilagarcía, ao pouco de abrir a ponte, quixera intercambiar a camiseta cun xogador do outro equipo... pero xa me explicou o entrenador que non era un partido TAN importante. A minha deportividade non quería incluir outro xesto de xenerosidade inesperada: deixara-lhe un balón novo-flamante a un amigo, que lho prestou a outro colega, que ... ao final foi parar aos carros de balóns do torneo. Tivera razón meu pai que me dixera "non che vai durar dous días". Durou-me un.

No estadio da foto, tamén á beira do mar, deben ter bastantes balóns de reposto. A foto é dumha entrada sobre umha ducia de estadios extranos. Un dos máis espectaculares e máis caros é o de Braga, construido para a Eurocopa de Portugal. Máis que o traspaso de CR9. Para o Mundial de Sudáfrica construiron-se estadios novos, algúns van ser difíciles de reutilizar, e han precisar dalgúns milhóns de euros só en mantenemento. Umhas cantas cidades da cultura... Veremos en perspectiva a qué leva ese gasto e se contribúe a que tanta xente do país deixe de vivir en ghettos, etc.

Antes do partido contra Paraguai saía Fernando Llorente dicindo que estaba preocupado polas inxustizas, que cambiaría iso… así en xeral, mentras botaba un pinball no portátil. Xustiza pinballiana na súa tableta? Ou xustiza que se aplica ao campo? Ao gol de Villa? Estaba a pensar nos hospitais, ou en que se construi-se un novo estadio por 200 milhóns de euros numha das poucas cidades de Sudáfrica que xa contaba con instalacións axeitadas?... Misterio.





«Me gustaría que la selección tuviera un nombre, una identidad. Igual que Brasil es la canarinha o Argentina la albiceleste, me gustaría que España fuera La Roja» dixo Luis Aragonés despois do Mundial de Alemania.

A xogada saíu-lhe ben, e agora en todos lados o din coma se for de toda a vida, sobre todo desde a Eurocopa e coincidindo coa imaxe corporativa de cuatro.

Espanha levou a camiseta roxa case toda a vida... Na Eurocopa do 64 contra Rusia vestiron de azul, por ser a suplente, e ademáis os rusos daquela eran os roxos completos. Mesmo "ruso" era un povo indoeuropeo de peliroxos que andaban por Moscova... Como para discutir-lhe a cor.
Pero nun tempo despois da Guerra Civil cambiaron a cor da camiseta a branca, e despois a azul. Aínda hoxe a segunda equipación soe ser dumha desas cores. Casualmente tamén o Barça xogaba con camiseta branca suplente ate o asunto Di Stefano, que ficou tachada para os culés.

O caso é que algún lhe debeu facer ver a Franco que iso de cambiar a camiseta para que non fose "la roja" era un pouco raro. Había que mudar a bandeira tamén? En vista de que aos tomates tampouco se podía cambiar a cor, optaron por non identificar todo o vermelho co enimigo. E é que ás veces a realidade impon-se. Cando os nazis pediron listas a Franco de xudeos, dixeron que si, pero que para eles era umha cuestión de relixión e non de raza. Sobretodo porque igual terían que cargar-se á metade do rexime.

De todos xeitos, aínda hai medios irritados co nome da camiseta, e non por lho quitar a Chile, senon porque debía ser "rojigualda".

No hay comentarios:

Publicar un comentario